Denomínase así a sala situada no segundo andar da torre, por ser este un espazo interesado en introducir ao público nos espazos valleinclanianos, reais e de ficción literaria inspirados en ámbitos reais, que non sempre poderemos identificar cunha localización concreta e precisa.
Antigamente esta estancia sería lugar residencial, distribuído en cámaras familiares e alcobas privadas, con aproveitamento do baixo cuberta para uso de desván, oculto por un artesonado.
De entre os topónimos citados nos seus textos acaso o máis recurrente será aquel de «Viana del Prior». Empregado por primeira vez como «Puebla del Prior» en 1901, isto é como unha recreación léxica derivada de «Puebla del Deán», o nome dun dos concellos fusionados no actual da Pobra do Caramiñal. Deseguido aparecerá como «Viana del Prior» en 1902, en Sonata de otoño, e así logo en sucesivos libros, como El marqués de Bradomín, Águila de blasón, Romance de lobos, Cara de plata, Los cruzados de la causa, El embrujado ou Divinas palabras.
Presiden esta sala dúas pezas fundidas en bronce: o busto do intelectual don Victoriano García Martí (1919), obra de Mateo Larrauri, o que foi amigo e biógrafo devocional de Valle-Inclán, e a escultura de don Ramón andante (2002), de Gonzalo Sánchez Mendizábal.