Arte
Estamos ante unha residencia civil de elegante ornamento clásico, que debemos situar entre as máis excepcionais que se teñan documentado na historia da arte do noroeste peninsular. Construída entre 1540-1545, a súa traza ponse en relación co círculo de colaboradores do grande arquitecto do Renacemento español Rodrigo Gil de Hontañón.
Componse de torre galana e corpo pacego disposto perpendicularmente, ademais dos restos dun suntuoso corredor exterior. Das súas portadas merece ser posta de relevo a principal, que é un arco de medio punto enmarcado por pilastras, con entabulamento e frontón triangular. Sobre a mesiña da escalinata abre unha segunda porta, con arco de medio punto moldurado e clave. Observamos o mesmo clasicismo na elegante ornamentación que lle dá valor engadido —como monumento único—, versada nos tratados de arquitectura e nos gravados de moda.
O estilo plateresco concéntrase na decoración de determinados elementos estruturais e decorativos, como son portais, xanelas, soportes, frisos, cornixas, gárgolas... convivindo as pervivencias tardo góticas e as vangardas «á romana». Na mesma liña, o sistema de proporcións e xogos de xeometrías de todo o edificado é moi claro.