¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
XXVI Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán
Programa de actividades XXVI Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán

XXVI Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

3 de outubro, 2024 

Como xa é habitual, apóstase polas artes escénicas, as presentacións literarias e a tradicional conmemoración do nacemento do literato, pero tamén se recuperan outras actividades e introdúcense novidades.
 
O apartado das representacións sobre as táboas do teatro cine Elma estará protagonizado por Don Ramón María del Valle-Inclán. El de las barbas de chivo, de Teatro del Norte (no domingo 6, ás 19.30 horas); Los Cuernos de don Friolera, de La Quimera de Plástico (no domingo 13, ás 19.30 horas); Luces de Bohemia, de MyH Producciones (no domingo 20, ás 19.30 horas); e Las galas del difunto… e outros esperpentos, de Cardume Teatro (no domingo 27, ás 19.30 horas). Pero a dramaturxia tamén chegará en formato de roteiro teatralizado por espazos valleinclanianos da Pobra con A vila na que as pariu! Cen anos das Luces de Bohemia de Valle-Inclán, da man de Teatro Enpunto, no sábado 26, a partir das 12.30 horas.
 
Presentaranse tamén dúas publicacións. Primeiramente, o libro A única, María Casares, de Anne Plantagenet, darase a coñecer no venres 18, ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal. Aproveitarase a ocasión para ter un encontro coa actriz Berta Ojea, Premio Mestre Mateo 2023 pola serie Rapa. Mesturarase así o mundo da literatura e o audiovisual. E, ademais, introducirase ao público pobrense a Flor de Santidad: Historia milenaria, de Ramón del Valle-Inclán con edición facsímil a cargo de Olivia Rodríguez Tudela, profesora da Universidade da Coruña, quen estará acompaña polo editor, Quique Alvarellos Casas. Esta obra foi recoñecida polo Ministerio de Cultura co segundo premio ao facsímil mellor editado en España no 2023. Será no venres 25, ás 20.00 horas, na sala de iconografía do Museo Valle-Inclán.
 
Haberá, así mesmo, oco para unha palestra impartida polo investigador e neto do escritor, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, con O modernismo e as drogas. Terá lugar no venres 11, ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal. E, xa de xeito máis distendido, a sala de iconografía da institución museística converterase nun parladoiro no sábado 19, ás 17.30 horas, coa iniciativa Café con L: lecturas e conversas arredor do escritor degustando café con doces.
 
Os pratos fortes destas xornadas resérvanse para o final do mes coa conmemoración do nacemento de Valle-Inclán, no mércores 30. A música tradicional soará con Os Caraveiros, das 12.00 horas en diante, por espazos do centro urbano para dar paso, ás 12.30 horas, á tradicional ofrenda cívica, no Cantón da Leña. Incorpórase novamente o plantado da camelia Valle-Inclán, que se efectuará na praza de Galicia, ás 13.00 horas. A maiores, os Xardíns de Valle-Inclán converteranse nunha extensión do Museo durante un período de tempo coa exposición a ceo aberto Luces de Bohemia (1924-2024), con Antonio González Millán como comisario.
 
Como cada ano, apóstase por aproxima-la figura do literato aos diferentes graos de ensinanza. Para as escolas infantís configúrase a actividade Pinta a Valle-Inclán, a partir do xoves 10, para aplicar calquera técnica plástica en ilustracións da autoría do artista Siro, coa posterior exposición na casa da cultura. O estudantado do IES ten unha función exclusiva de Luces de Bohemia, de MyH Producciones, no luns 21, ás 11.30 horas, no Elma. E tamén hai teatro para o alumnado dos CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. Teatro Cachirulo representará Farsas no mércores 23 e xoves 24, ás 11.30 horas, no Elma.

A ilustración da cartelaría deste ano foi realizada por Siro López.