Denomínase así a sala situada no baixo da casa principal anexa. Antigamente esta estancia estaría destinada a usos funcionais; isto é, tenda con mostrador de comercio aberto á rúa, despacho e almacén, para aquelas actividades económicas dos primeiros inquilinos. Desde os anos finais do século XIX mesmo foi almacén e acubillo para embarcacións de pesca tradicional.
Aquí exhíbese a exposición Valle-Inclán: retratos, caricaturas e visións, parte dun total de 40 orixinais do reputado artista e comunicador ferrolán SIRO, Siro López. Legado altruísta do autor a este museo, a condición de que o concello da Pobra do Caramiñal, como administración que o xestiona, ao recibir esta doazón se compromete á súa custodia e debida conservación. Ademais da exhibición das obras instaladas con vocación de permanencia.
Esta serie resulta ser unha oportunidade única para ver como dialogan as artes e os artistas, o xenio clásico da literatura co mestre contemporáneo da figuración visual, creada a partir do corpo de imaxes codificadas no tempo de don Ramón. Cadros que recollen particularidades físicas, de indumentaria, e de carácter, que xa dende claves realistas ou xa oníricas son consubstanciais á personalidade valleinclaniana.
Trátase dunha das coleccións de iconografías máis completa existente arredor daquel a quen Castelao cualificara como «o mellor artista de Galicia».
Nesta sala tamén cómpre sinalar: Sobre pedestais, os modelos de monumentos promovidos polo concello da Pobra do Caramiñal, Muller traballadora (2001) e Emigrante (2007), esculturas de Gonzalo Sánchez Mendizábal; e tamén, o busto de Valle-Inclán (2004), de Fernando Castaño