¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
Ramon Maria del Valle-Inclan

Roteiro de A Pobra do Caramiñal

Don Ramón María del Valle-Inclán, «Señor de la Puebla del Caramiñal» —nome eufónico que tan ben lle cadraba e título ilusorio, cheo de resonancias de antano, con que el gustou de adornarse— ten sido un dos persoeiros máis singulares das letras españolas.

Agora o alcance dos seus pasos biográficos e das súas páxinas literarias da lugar a unha aventura feliz: a Ruta Valle-Inclán que nos trasladará como viaxeiros ao longo e ancho de Galicia. Se desexamos saber máis sobre as estadías de don Ramón pola Pobra do Caramiñal e o territorio Barbanzón sairán ao noso paso lugares vividos, como os casais de Colo de Arca e da Mercé, villa Eugenia, o antigo hostal Ferro, a farmacia Tato, a Casa Grande de Aguiar e Rábago, o pazo do Couto, a fortaleza dos Xunqueiras, Amarante, Camarasa e Gasset, a residencia do ensaísta Victoriano García Martí, a praia do Areal, o miradoiro do seu nome nunha das atalaias da Curota, as súas esculturas, a alameda… e resultarannos familiares escenarios inspirados nalgúns topónimos importantísimos, como La Puebla (A Pobra), Santa María del Caramiñal, Santa Cruz, Lesón, Viana, San Amedio, San Lázaro, A Conga, Bealo, Cures, Juno (Xuño), Bretal, Corrubedo, ou as illas de Ruano (Rúa) e de Sálvora… Grazas á súa incorporación ás letras valleinclanianas son unha referencia mundial.

Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar
Colo de arca

1. Colo de arca

Casal situado nas inmediacións da ermida da Virxe do Monte, oratorio do século XVII. Pertenceu ás liñaxes Saco, Bolaño e Montenegro, antepasados fidalgos de D. Ramón del Valle-Inclán por liña materna. No tránsito dos séculos XIX e XX foi residencia de Prudencio Otero Sánchez, autor de libros con asuntos curiosos, como Los Fantasmas e España, patria de Colón, para o que don Ramón escribe un limiar. Lugar sinalado por algún incidente de tempos idos, protagonizado por un Montenegro orgulloso, decadente e sacrílego,que será recreado por Valle-Inclán nas súas moi galaicas «Comedias Bárbaras».

Antigo hostal Ferro

2. Antigo hostal Ferro

Neste lugar estivo situada a antiga Fonda Ferro, ou de Vista Alegre, famoso establecemento de hostalería fundado en 1870 por Ramón Ferro Rosende. Foi hospedaxe moi requirido por canto viaxeiro elegante chegaba á localidade. Eran tempos de progresos, con presenza de visitantes ilustres. Entre eles, o matrimonio de don Ramón del Valle-Inclán e dona Josefina Blanco Tejerina, en 1915 e 1916, co gallo do aluguer e posterior rehabilitación do Casal da Mercé, e Jaime Solá Mestre, en 1917, autor do relato popular En el Olimpo Céltico. Los picos del Barbanza.

Casadal da Mercé

3. Casal da Mercé

Ten as súas orixes nunha ermida de culto á Virxe acrecentado durante o Antigo Réxime. Despois de alugar e de rehabilitar casa e finca en 1916, aquí reside a familia Valle-Inclán Blanco entre 1917 e 1921, alternando as estadías profesionais de don Ramón en Madrid. Época de pretensións fidalgas, cando tenta unha explotación campesiña. Será o período de maior fecundidade creadora do escritor, con libros cume da súa produción literaria, como: La pipa de kif, El pasajero, Divinas palabras, Los cuernos de don Friolera, Cara de plata, as primeiras Luces de bohemia... Aquí nacen Carlos Luís Baltasar (1917), futuro «Marqués de Bradomín», e María de la Encarnación Beatriz Baltasara (1919), «Mariquiña».

Villa Eugenia

4. Villa Eugenia

Desencantada coa realidade do mundo campesiño vivido no casal da Mercé, a familia Valle-Inclán Blanco fixa o seu domicilio nesta residencia urbana, propiedade de Eugenia Gasset Neyra e Antonio Abal Hermo, director do Gran Hospital de Santiago. Aquí reside entre 1921 e 1925, alternando as estadías do escritor en Madrid e Navarra, cando don Ramón emprende a máis célebre das súas viaxes transatlánticas por América. Será o período de libros excepcionais, como: La rosa de papel, La cabeza del Bautista, Retablo de la avaricia, la lujuria y la muerte, Tirano banderas, as definitivas Luces de bohemia... Aquí nacen Jacobo Baltasar Clemente (1922), o futuro pintor «Jaime», e Ana María Baltasara (1924).

Iglesia antigua del Caramiñal

5. Igrexa de Santa María do Caramiñal

Monumento construído durante os períodos renacentista e barroco, séculos XVI e XVIII, a partires das trazas dadas por Juan Pérez, mestre de obras en Compostela. Na ábsida e na fachada principal exhibe heráldicas de... Bolaño, Amarante, Camarasa, os morgados e damas do antigo señorío do Caramiñal. No presbiterio conserva un dos mellores retablos barrocos das Terras de Santiago, onde sobresae a talla dun arcanxo San Miguel que combate a espada contra un demo grotesco. Este templo será evocado nas primeiras versións de Mi bisabuelo, relato de trama galega, incorporado logo ao libro Jardín umbrío.

Farmacia de Tato

6. Farmacia de Tato

Establecemento fundado en 1903 polo farmacéutico Santiago Tato Castelo, amigo de Valle-Inclán, ao que acompañou en excursións polo Barbanza.  Aquí tiña lugar un célebre parladoiro en tardes de recreo ao modo das tertulias capitalinas tan de moda na súa época. Onde don Ramón protagonizaría recordadas estampas costumistas na compaña de destacados persoeiros da vila e ocasionais visitantes de lustre: Andrés Díaz de Rábago, García Martí, Francisco Camba, Vivanco, Penagos, García Sanchiz, Zunzunegui, Luís de Galinsoga... Esta é a farmacia máis antiga activa na bisbarra e atópase entre as decanas de toda Galicia.

Casa grande de Aguiar e Pazo do Couto

7. Casa grande de Aguiar e Pazo do Couto

Pazo neoclásico construído cara 1800 a partir da torre do século XVI que asoma sobre os tellados. Emprazamento privilexiado, compartido co inmediato pazo do Couto, erguido este cara 1700 e transformado logo con gusto historicista. Os dous dominan señorialmente o núcleo histórico do Castelo xurdido ante o embarcadoiro lembrado por don Ramón no libro Romance de lobos. A amizade entre as familias Valderrama, Rábago e Valle-Inclán precedeu e sucedeu ao propio escritor, as tres participan nas guerras de carlistas e liberais, e as tres tamén do espírito emprendedor vivido en Galicia na segunda metade do século XIX.

Iglesia de Santiago de Pobra do Dean

8. Igrexa de Santiago do Deán

Monumento de varios períodos, en especial, de arquitectura e escultura gótica e renacentista, dos séculos XIV e XVI, que conserva unha notable colección de retablos barrocos e neoclásicos, dos séculos XVIII e XIX. Este templo soubo do padroado dalgúns antepasados do escritor don Ramón del Valle-Inclán por liña materna, que foron fidalgos do antigo pazo de Colo de Arca e por iso padroeiros na capela da Transfiguración, ou do Sacro. Núcleo da tradición nazarena, de ofrecidos e amortallados que acoden á feira de Viana,  evocada en textos valleinclanianos como: Sonata de otoño, Romance de lobos, as Divinas palabras.

Torre de Xunqueiras

9. Torre de Xunqueiras · Gasset

Monumento Nacional de Interese Histórico-Artístico. Fortaleza medieval reedificada despois da Guerra Irmandiña, no século XV. Foi solar dos Xunqueiras, liñaxe de gran importancia nas crónicas de Galicia. Sería transformada en residencia de gustos renacentista e barroco nos séculos XVI,  XVII e XVIII. Tempos da súa incorporación ao condado de Amarante e ao marquesado de Camarasa, dous dos títulos empregados por don Ramón del Valle-Inclán entre os seus personaxes. En 1898 pazo e terras son vendidos a Rafael Gasset, político de referencia nacional, fundador do xornal El Imparcial. Nas súas páxinas don Ramón adiantaría relatos fundamentais, como Sonata de otoño e La media noche.

Casa de García Martí

10. O Areal · Casa de García Martí

Neste lugar naceu, tivo o seu fogar familiar e estudio don Victoriano García Martí (1881-1966).  Intelectual admirado, protector de memorias alleas, ensaísta, escritor, xurista, sociólogo, membro da Real Academia Española, correspondente da Real Academia Galega, fillo predilecto da Pobra do Caramiñal. Autor ao que debemos finas meditacións sobre o mundo interior, como De la felicidad. Eternas inquietudes, libro prorrogado por don Ramón del Valle-Inclán, e ensaios literarios tan singulares como Rosalía de Castro o el dolor de vivir e Don Quijote y su mejor camino. Don Victoriano reivindicaría a condición galaica de Valle-Inclán.

Busto de Valle-inclan

11. Busto de Valle-Inclán

Situado a 368 metros de altitude. Estas atalaias naturais permiten observar espectaculares estampas das Rías Baixas. A visión estelar dunha costa en panorámica asomada sobre as dúas bandas do mar de Arousa: O Barbanza e O Salnés. Era este un lugar ao que gustaba realizar excursións don Ramón del Valle-Inclán. Marco incomparable onde os seus veciños lle tributaron unha festa homenaxe en 1919. A instancias da súa familia, aquí foi instalado o primeiro dos monumentos públicos dedicados ao escritor no país, despois de ser censurado na cidade de Pontevedra. Trátase dun busto, obra meritoria de Benito Prieto Coussent,  1936.

canton da leña- xardins de valle-inclan

12. Cantón da Leña · Xardíns de Valle-Inclán

Espazos urbanos singulares. O cantón da leña, praza que no século XVI era terreo de viñas e logo foi mercado de leñas, está presidida pola magnífica escultura dedicada a don Ramón, fundida en bronce, en estilo naturalista, por Gonzalo Sánchez Mendizábal, de 2002. Digna dun escritor de fama internacional. Así mesmo a alameda veterana do Barbanza, designada como «Xardíns de Valle-Inclán», todo un verxel cultivado e florido sobre terra traída desde Vilanova de Arousa. Un entorno recollido e que asoma ao mar, onde ler aquel sentido Cuadro de costumbres marineras do que foi autor o seu pai, Ramón del Valle Bermúdez.

Depósito Legal C 259-2016 - @Os autores. E Secretaría Xeral de Cultura - XUNTA DE GALICIA